18/10/2011

Cobaias para o "laboratoro" de Xelís


Un dos múltiples proxectos nos que Xelís de Toro, dende Brighton, anda embarcado é The book of invisible bridges / O libro das pontes invisibles (libro e DVD). Neste volume multimedia, que aparecerá en maio, haberá dous textos colaborativos. Un deles sairá dun obradoiro literario ou da súa particular Poetry surgery que se celebrará o vindeiro xoves 20 de outubro co alumnado de galego do Cañada Blanch. Imos ver que resulta do encontro deste doutor literario coa rapazada que estuda galego en Londres. Seremos boas cobaias para este experimento? Habémolo de ver.
E velaquí as fotos desta sesión case nigromántica marabillosa con música de Os Quiniondiolas, para maior honra de Xelís:


13/10/2011

Un recordo en galego, o noso agasallo (5º Primaria)

 O Banco de Recuerdos é un lugar para "salvagardar miles de recordos reais de todo o mundo". E, verdadeiramente, é unha fantástica iniciativa, promovida por distintas institucións, para concieciar á poboación da importancia de seguir investigando sobre o Alzheimer. O alumnado de galego de 5º de Primaria do IE Cañada de Londres decidiu deixar tamén o seu recordo en galego. Porque tampouco queremos perder a posibilidade de recordar nesta lingua. Un recordo especial que desexan partillar con todos:

10/10/2011

Leccións de arte contemporánea en Londres, en galego: Elena Bangueses (a entrevista)

Falarlle de arte contemporánea á xente nova non é, en principio, doado; con todo, hoxe tivemos a sorte e o luxo de escoitar a toda unha especilista na didáctica da arte contemporánea, a canguesa Elena Bangueses, mánager na Saatchi Gallery. Unha lección de como falarlles aos mozos e ás mozas de arte contemporánea cun discurso tamén absolutamente contemporáneo. Cunha presentación das obras máis significativas que se expuxeron ao longo destes últimos anos na Saatchi Gallery de Londres repasou e comentou pezas de Andy Warhol, Richard Serra, Bruce Nauman, Cindy Sherman, Damien Hirst, Richard Wilson ou Tracey Emin. Un exemplo, sen dúbida, de como facer atractiva, e sen perder rigor, a arte actual á xente nova. Ao final fixémoslles unha mini-entrevista para que lle vaiades poñendo cara.


07/10/2011

A arte contemporánea en Londres, en galego

O próximo luns 10 de outubro ás 12 da mañá recibiremos a Elena Bangueses Buceta, retail manager dunha das galerías de arte contemporánea máis impresionantes e de maior influencia no mundo, a Saatchi Gallery. Aberta no 1985 sempre foi un punto de referencia na arte contemporánea. E tamén de controversia. De todo isto, E. Bangueses falará co alumnado de Bacharelato. E ademais, da súa experiencia profesional e, sobre todo, das novas tendencias da arte conteporánea no mundo. Un luxo. (a foto é cortesia da Saatchi Gallery con copyright de Stephen White (photographer)

06/10/2011

Ao saírmos do cine, de Os Crebinski

Este 6 de outubro foi un día especial para moitos alumnos de galego do Cañada pois era a primeira vez que vían en Londres un filme en galego. E como sempre hai unha primeira vez, desta volta, foron ver Os Crebinski ao cine Lumiére. Deixámovos un vídeo do que queríamos que saíse mellor mais rifamos coa técnica:

03/10/2011

Teño, tes, ten, temos... unha chea de ilusións (1º ciclo Primaria)

Máis cine galego en Londres: curtas

En entradas anteriores demos conta das longametraxes galegas que este ano se proxectaban no London Spanish Film Festival. Pero a presenza galega no festival é maior pois, amais de destacados papeis de actores galegos como L. Tosar en Lope, También la lluvia e Os Crebinski ou Mario Casas e Miguel de Lira, entre outros, tamén se proxectarán as curtas Last will: Portrait do compostelán Breixo Viejo (imaxe tirada do seu blogue) e a de animación Neighbours de Iria López, ambos os dous instalados en Londres. Neste caso serán mañá 4 de outubro ás 18:15h en Rich Mix Cinema in Bethnal Green.
Ante isto só cabe preguntarse por que razón non se propuxo por parte do devandito festival un ciclo de cine galego; pola contra, si atopamos unha "ventá" ao cine catalán e outra ao vasco.