29/03/2012

Brian de Londres, o noso conquistador

Hoxe presentámosvos a Brian en corpo e voz. Despois do éxito da súa versión de Os sete cabritiños coa marioneta (é a entrada máis vista do noso blogue), a súa profesora de infantil pediulle que lles fose contar o conto en galego aos 50 nenos de infantil que estudan no Cañada Blanch de Londres. E desta acto, agasállannos con vídeo de abaixo.
Brian ten 8 anos. Naceu en Londres e leva os seus 8 anos de vida en Londres. Os seus pais son de Mazaricos. E como veredes é un artista. Contacontos, profesor de galego, profesor de arte dramática capaz de atraer atención de 50 cativos de 5 anos. Brian tennos conquistado. É o noso conquistador e o noso futuro. Necesitamos moitas e moitos coma el.

Os procesos de elaboración de comida industrial, en Londres, en galego

Mañá último día deste trimestre acompañaranos Diego Lois, enxeñeiro agrícola compostelán e tecnólogo dos alimentos que traballa en Newcastle no proceso de elaboración e envasado de alimentos precociñados. Sen dúbida, unha boa ocasión para saber ara onde camiña o futuro da nosa alimentación e para saber como chegan os alimentos dende o sector primario ata os supermercados.

27/03/2012

Masterclass de jazz en Londres, en galego: Xosé Miguélez

Hai días nos que nos sentimos máis afortunados aínda. Hoxe podería ser un deles. Ás 15h30 da tarde comezaba un concerto didáctico de jazz da man do saxofonista ourensán Xosé Miguélez acompañado polo afamado pianista británico Gabriel Latchin e ao que estaba convidado todo o alumnado de Bach do centro. O acto comezou con música e unhas breves e claras explicacións sobre este estilo:



E facendo un repaso polo xénero deron na en versións de clásicos inesquecibles:

Como inolvidable será esta peza improvisada e dedicada ao IE Cañada Blanch titulada O blues do Cañada, cuns versos incluídos na nosa lingua e cantados por un cento de estudantes deste instituto: "Somos do Cañada / London Portobello / e falamos en galego".


Grazas Gabriel e Xosé pola lección. Grazas por compartirdes a vosa arte xenerosamente.

22/03/2012

Jazz galego en Londres: Xosé Miguélez

Os amantes do jazz temos nos próximos días en Londres unha estupenda oportunidade de desfrutar cun dos mellores músicos da escena galega: o saxo tenor Xosé Miguélez. Formado entre Galicia e portugal acabou facendo un máster na Guildhall School desta cidade á que agora, despois de moitos concertos, horas de ensino  e de tocar con afamados artistas, regresa.
Neste caso terás dúas actuacións na cidade. A primeira, o vindeiro domingo 25 de marzo tocará con Gabriel Latchin ao piano, Steve Brown, batería e Tom Farmer no baixo dentro do programa Sunday Jazz Evening no Christopher's de Covent Garden. A partir das 18h30, tres pases e entrada libre, polo menos ao bar se ben se recomeda reservar.
E o martes 27 de marzo ás 15h30 estará xunto co pianista Gabriel Latchin no Cañada Blanch de Londres ofrecendo un concerto didáctico en gaolego para todo o alumnado de Bach do centro. Unha sorte poder escoitalo.

21/03/2012

En Londres os acivros falan galego

Hoxe 21 de marzo ocorréusenos aos de 5º de Primaria entrevistar a unha árbore que vive nun claustro dun antigo convento de Londres, neste caso, un acivro. A sorpresa é que as árbores, como veredes, entenden perfectamente a nosa lingua e este acivro respóndenos de xeito afirmativo, negativo ou dubitativo.

20/03/2012

Dende o Imperial College, a enerxía da biomasa con B. Fidalgo, en galego

Mañá estará connosco Beatriz Fidalgo, investigadora no Imperial College de Londres, para falarnos dunha enerxía renovable: a biomasa. Beatriz Fidalgo realizou estudos de enxeñería química na Universidade de Santiago de Compostela e o doutoramento en Oviedo nun instituto do CSIC. Na actualidade realiza o seu postdoutoramento no Imperial College de Londres no departamento de Enxeñería Química. Daquela, unha boa oprtunidade para saber do futuro desta enerxía renovable.
E aquí unha minireportaxe da visita ao noso centro de B. Fidalgo. Moitas grazas por compartir.

 

15/03/2012

E se Hockney pintou cun IPad? Obradoiro con María Salvatierra

Mañá 16 de marzo non nos visitará David Hockney. Este artista inglés, un dos grande do pop art, está estes tempos máis de moda ca nunca pois a Royal Academy of Arts de Londres adícalle unha gran exposición á súa última obra. A mánager de márketing desta gran galería de arte é a compostelá María Salvatierra. Daquela mañá teremos a sorte de que nos acompañe para falarnos da obra e da última exposición deste gran artista para a que se forman colas diariamente. E nunha volta máis, imos pintar coma el, iso si, coa axuda de varios IPads. Isto promete así que mañá máis noticias.
E aquí vos deixamos un resumo dunha xornada marabillosa cun fragmento da exposición, a microentrevista e as pinturas co IPad do alumnado emulando a Hockney:

14/03/2012

Shelar: hip hop dende UK

Mañá 15 de marzo, o compostelán Shelar presentaranos o seu último traballo Cornershop producido por Sheng e El Puto Cheng e no que conta coa colaboración de Delajoha. E a masterización correu a cargo do afamado Streaky Gee. Sen dúbida, estamos ante unha das voces máis interesantes do hip hop que, despois da súa infancia inglesa, retornou a estas terras. Mañá falaranos en galego de hip hop e, por suposto, do seu novo proxecto.
E aquí vai a entrevista de Serxio, un dos seus seguidores:

08/03/2012

Traballadoras en Londres, en galego

8 de marzo, Día Internacional da Muller. Dende Londres sumámonos á celebración cunha entrevista realizada por Andrea, unha rapaza de 5 de Primaria, a catro mulleres galegas que traballan a diario connosco e que nos fan a vida moito máis agradable. Reparade na lingua tan marabillosa que usan e que non esqueceron nin renegaron dela malia levar máis de 20 anos en Londres. Para nós son un exemplo. Sirva ademais a súa voz como homenaxe a tantas coma elas que decidiron que transmitir a nosa lingua era non só o natural senón tamén un valor polo que apostar.

Galicia e o mundo anglófono, con Kirsty Hooper, en galego

Mañá 9 de marzo teremos o privilexio de escoitar a Kirsty Hooper, profesora da Universidade de Liverpool falar das relacións entre Galicia e este país. Kisrty Hooper é escritora e investigadora da realidade histórica e sociocultural galega na School of Histories, Languages and Cultures na Universidade de Liverpool. Entre os seus libros publicados, cabe destacar Contemporary Galician Cultural Studies: Between the Local and the Global (MLA, 2011; co-editado con Manuel Puga Moruxa); Writing Galicia into the World: New Cartographies, New Poetics (Liverpool UP, 2011); A Stranger in My Own Land: Sofía Casanova (1861-1958), a Spanish Writer in the European fin de siècle (Vanderbilt UP, 2008). E no 2011 foi galardoada co Philip Laverhume Prize pola súa investigación sobre a península Ibérica que tamén se pode seguir a través do seu blogue.
Daquela todo un referente para a nosa cultura neste país que mañá estará nas nosas aulas.
E agora a microentrevista, despois de que nos falara dos movementos empresariais anglo-galegos para atraer turismo a Vigo e Mondariz a comezos do século XX.

07/03/2012

No Día Internacional da Muller: para todas as nais

Esta semana o alumnado de Primaria regalounos estes debuxos cos que intentamos que se decatasen do traballo que realizaban as súas nais na casa, engadido ao labor que a cotío desenvolven fóra dela. O resultado, que quere ser tamén a nosa pequena homenaxe a estas mulleres, velaquí:

02/03/2012

Enxeñería biomédica en Londres, en galego

O vindeiro luns 5 de marzo visitaranos C. Alberto Figueroa, profesor e investigador coruñés do Biomedical Engineering Department Imaging Sciences & Biomedical Engineering Division do King´s College de Londres. Falaranos dos retos e das oportunidades de mellorar a nosa saúde grazas aos avances da enxeñería. Sen dúbida, unha oportunidade excelente para achegarnos aos avances tecnolóxicos en materia de saúde dende a nosa lingua.
E hoxe tivemos a fortuna de escoitar a este profesor e investigador. Deixámosvos a microentrevista de Ignacio:

01/03/2012

Artistas galegos en Londres: calendarios para medir a felicidade, con Pablo Gómez-Ogando

Mañá 2 de marzo recibiremos ao artista ourensán Pablo Gómez-Ogando que tras facer Belas Artes na Universidade de Salamanca leva tres anos instalados en Londres onde está a piques de rematar un máster en deseño e Comunicación na prestixiosa Central saint martins. Para esta ocasión prometeuno un obradoiro de tipografía que, como remate final, terá a elaboración por parte do alumnado de calendarios para medir a felicidade. Interesante, sen dúbida. Mañá contarémosvos máis.

E tras unha magnífica intervención deixámosvos o calendario para medir a felicidade que ideou este artista así como a correspondente microentrevista: